miércoles, 16 de mayo de 2012

Prostitución en crisis. Artículo de Belén Punyal

http://praza.com/movementos-sociais/919/a-prostitucion-en-crise/
Belén Puñal






Que facer se quedas sen traballo e sen unha fonte de ingresos mensuais? Se a hipoteca e as débedas te afogan? Se buscar emprego é como clamar por auga no deserto? Se, ademais, tes unha familia á que alimentar? Cada vez máis mulleres en apuros económicos procuran saídas no mercado do sexo. Entre elas, inmigrantes que deixaran a prostitución e que teñen que volver a ela para poder seguir adiante. Mais tamén galegas e españolas, fabas moi contadas até hai un par de anos nos prostíbulos.
Atópanse, porén, cun negocio á baixa, que acrecenta sobre elas o poder dos clientes e dos proxenetas. Baixan os prezos, diminúe a demanda, acéptanse con máis facilidade prácticas de risco... E, mentres tanto, a administración non só mira para outro lado senón que empeora a situación: a retirada da tarxeta sanitaria á poboación inmigrante sen regularizar afectará de maneira directa a moitas mulleres que exercen a prostitución, un sector da poboación especialmente exposto a enfermidades de transmisión sexual.
A administración non só mira para outro lado senón que empeora a situación: a retirada da tarxeta sanitaria á poboación inmigrante sen regularizar afectará de maneira directa a moitas mulleres que exercen a prostitución, un sector da poboación especialmente exposto a enfermidades de transmisión sexual
Chicas viciosas desde 20 euros, 15 euros. Supercariñosa. Chica 22 años, 50. 2 veces, veinteañera estudiantil viciosísima, 20 euros. 18 años. Gallega no profesional... Estes e outros anuncios da mesma masa pululan nas páxinas de contactos dos xornais. O negocio da prostitución, como calquera outro, está suxeito ás leis da oferta e da demanda e, en tempos de crise, tirar os prezos e procurar incentivos ao consumo (bonos, copas gratis, packs de desconto, sexo sen protección,...) son, tamén aquí, as vías máis socorridas. En internet, a publicidade é aínda máis explícita e agresiva. Hai mesmo webs onde os clientes comentan as súas experiencias con prostitutas e mesmo se sortean scorts, previa selección da máis votada do mes polos foreiros.
"Caeron os prezos en picado, porque caeu a demanda" ─afirma Montse Neira, prostituta e autora do libro Una mala mujer (Plataforma, 2012) ─. "Levamos xa dous anos así, pero sobre todo neste último os prezos baixaron moitísimo e en todos os niveis: rúa, piso, autónomas...".  No único sector onde non se nota, indica, é naquel que se move en máis altas esferas, porque a crise (falemos de roupa de marca, coches de alta gama ou, tamén, sexo de pago) pasa desapercibida precisamente para quen máis ten. A outra cara da moeda cómpre buscala naqueles escenarios onde as persoas que exercen son máis vulnerables. Na prostitución de rúa, a que se desenvolve en condicións máis precarias e marxinais, os prezos poden baixar até os 5 ou 10 euros por servizo.
Na prostitución de rúa, a que se desenvolve en condicións máis precarias e marxinais, os prezos poden baixar até os 5 ou 10 euros por servizo
A corda, sabido é, ténsase sempre pola parte máis feble. Se baixan os prezos das copas que o cliente consume, o club probablemente quedará co mesmo diñeiro mais será a muller quen verá reducida a súa marxe de beneficio. A situación ─explícannos dende o centro ferrolán O Mencer─ incrementa o poder de clientes e proxenetas. Dos clientes, porque contan con máis marxe para o regateo e poden conseguir con máis facilidade sexo sen protección. Dos proxenetas, porque as prostitutas téñeno máis difícil para saldar a débeda contraída con eles nun continuo suma e segue. Dende a cantidade que han de aboar as que chegan a España tratadas ou mediante unha rede de tráfico, até o lucrativo comercio que se xera ao redor dos prostíbulos aproveitando o illamento e a desinformación das mulleres para cobrarlles máis do habitual por calquera servizo (médicos de pago, servizos legais,  indumentaria...). Ao que hai que engadir as multas abusivas que se lles impoñen pola mínima, dende entrar tarde ao local ou pasar máis tempo do acordado fóra do mesmo até incluso cando non poden exercer cando se encontran enfermas.
A situación incrementa o poder de clientes e proxenetas. Dos clientes, porque contan con máis marxe para o regateo e poden conseguir con máis facilidade sexo sen protección. Dos proxenetas, porque as prostitutas téñeno máis difícil para saldar a débeda contraída con eles nun continuo suma e segue
Mais a crise tamén pode traer consecuencias para a propia estrutura do sector. En Galicia, o mapa do negocio do negocio foi até o de agora minifundista: moitos locais e de pequeno tamaño. Mentres en Barcelona chega a haber pisos de até 50 mulleres, nos galegos como máximo poden encontrarse 20 ou 25 persoas exercendo ao mesmo tempo, e seguen a ser excepcións, xa que o habitual é que sexan de pequeno tamaño. Tamén os macroclubs son aquí escasos. Mais esta realidade pode estar a mudar. Os locais pequenos son precisamente os que se encontran en maiores dificultades e algúns están xa a pechar, ou son traspasados a clubs de dimensións maiores. Unha tendencia que, de algún modo, xa se podía albiscar con anterioridade á crise, co auxe de hoteis de prazas (onde as mulleres pagan unha cantidade por poder permanecer e exercer durante un tempo determinado) e clubs de dimensións maiores e especializados na oferta de servizos diversos de ocio.

Non só inmigrantes

Se até hai dous ou tres anos era pouco habitual encontrar rapazas galegas e españolas nos pisos e clubs, agora a súa presenza comeza a ser familiar
Se até hai dous ou tres anos era pouco habitual encontrar rapazas galegas e españolas nos pisos e clubs, agora a súa presenza comeza a ser familiar. En épocas de vacas gordas, e coincidindo coa maior incorporación das mulleres españolas ao mercado laboral, aqueles sectores máis desprestixiados e tamén precarizados quedaron en mans das mozas inmigrantes que procuraron en territorio peninsular un futuro mellor. A Garda Civil estimaba en 2008 que eran estranxeiras o 95% das mulleres que se prostituían nos 138 clubs que tiña entón localizados no seu ámbito de actuación. As mulleres galegas estaban por aquel entón confinadas fundamentalmente á prostitución de barrio e a perfís moi marxinais: pouca formación, idade avanzada, anos de exercicio ás costas, estratos socioeconómicos baixos e, en ocasións, problemas de drogadicción. Mais o perfil das que agora se incorporan mudou. Non está lastrado pola marxinalidade mais si polas dificultades económicas.
Son, pois, mulleres de vida normalizada mais que, ante a crise, se ven abocadas á prostitución. Para salvagardar a intimidade, chegan a exercer en cidades distintas daquelas nas que viven e mesmo lles ocultan ao seu entorno próximo o que están a facer. En moitos casos, fano por situacións económicas desesperadas: perda de traballo, dificultades para pagar a hipoteca, familia a cargo, ou condicións de explotación en sectores moi precarios como o doméstico que as levan a completar ingresos no mercado do sexo. Mais tamén, sinala Montse Neira, existe o outro extremo: mulleres acostumadas a un tren de vida acomodado que non están dispostas a perder o poder adquisitivo do que viñan gozando.
Son, pois, mulleres de vida normalizada mais que, ante a crise, se ven abocadas á prostitución. Para salvagardar a intimidade, chegan a exercer en cidades distintas daquelas nas que viven e mesmo lles ocultan ao seu entorno próximo o que están a facer
A crise fai que, ademais, retornen á prostitución inmigrantes que a deixaran hai tempo. "Mulleres ás que levabamos anos sen ver volveron outra vez", constata a presidenta da asociación Faraxa, Carmen Lago. Abandonar a prostitución é adoito difícil, entre outros motivos, polas dificultades para a inserción das mulleres inmigrantes noutros sectores. Cando o deixan, é con frecuencia ou para traballar en ámbitos mal pagados e onde a explotación está á orde do día, como a limpeza e coidado de crianzas e persoas maiores, ou porque iniciaron unha relación sentimental estable. No primeiro dos casos, a perda de poder adquisitivo das familias e a obriga, dende inicios deste ano, de regularizar a situación laboral das persoas que traballan no servizo doméstico, fai que cada vez máis se estea a prescindir delas. E, no segundo, o feito de que o home adoito queira seguir a perpetuar a relación de poder cliente-prostituta na convivencia diaria, o que non é senón terreo estercado para o maltrato, aboca con frecuencia ás parellas ao fracaso.
Ante a falta de perspectivas na actual situación de crise hai mesmo mulleres que deciden volver aos seus países de orixe. Incluso, no caso daquelas en situación irregular, presentándose ante a Policía para forzar unha expulsión. Con toda a carga emocional que iso poida supor: regresar ante a súa xente deportadas e arrastrando na maleta a derrota dos soños de prosperidade que un día tempo atrás colocaron alén o océano.

Sanidade de beneficencia

Non só os ingresos diminúen. Xa o pasado setembro, o goberno galego estableceu a esixencia dun mínimo de seis meses de empadroamento para poder acceder á tarxeta sanitaria. Dende entón, indícannos dende O Mencer, entre as persoas en situación administrativa irregular que exercen a prostitución aumentou a demanda de atención médica privada. Hai unhas semanas, o Ministerio de Sanidade decidía retirarlle a tarxeta sanitaria, a partir do vindeiro setembro, a todas e todos aqueles inmigrantes sen regularizar. O que suporía que revisións xinecolóxicas, análises, tratamentos profilácticos que actúen como barreira ás ETS tras relacións de risco, píldoras poscoitais, interrupcións voluntarias do embarazo, o tratamento hormonal das mulleres transxénero... virarían de pago para as prostitutas que por aquel entón non conseguiran os papeis.
"Non somos irmás da caridade. As ONGs non temos que cubrir as obrigas do Estado, que está a facer abandono de funcións", engade a presidenta de Médicos del Mundo
Hai uns días, a ministra Ana Mato, tentaba poñer panos quentes ás protestas xeradas dende profesionais sanitarios e tecido cívico e anunciaba que a asistencia das e dos inmigrantes irregulares  quedaría garantida mediante convenios entre as comunidades autónomas e organizacións gobernamentais. A volta, segundo sinala Nieves Turienza, presidenta en Galicia de Médicos del Mundo, a un sistema de beneficencia
"Ningunha ONG en España ─sinala Turienza─ ten recursos suficientes, nin monetarios nin de estrutura, para iso". Máis cando dende a Administración se está a recortar o diñeiro destinado á intervención en sectores da poboación como  as mulleres en situación de prostitución ou persoas en risco de contraer VIH. A cantidade que Médicos del Mundo viña recibindo para tal fin nos últimos anos, mediante convenio coa Consellería de Sanidade, caeu de 40.000 euros en 2010 a 0 en 2011. "Non somos irmás da caridade. As ONGs non temos que cubrir as obrigas do Estado, que está a facer abandono de funcións", engade a presidenta de Médicos del Mundo.
O problema éo tamén de saúde pública. Máis nun contexto no que estamos a asistir a un incremento das enfermidades de transmisión sexual debido ao relaxamento entre a poboación das actitudes preventivas. As persoas que exercen a prostitución están especialmente expostas a enfermidades transmisión sexual: VIH, hepatite B, hepatite, C, sífile, gonorrea... E aínda que nos prostíbulos as revisións son impostas polos donos dos locais (e pagadas do propio peto das mulleres), e malia a que elas mesmas adoitan ser as primeiras interesadas en coidarse, porén ninguén lle obriga aos clientes, que son os que demandan prácticas de risco, a controlar a súa saúde e a do seu contorno. "Elas van ser as primeiras e as máis afectadas pero a todos os que contribuímos ao sostemento do sistema vainos saír isto máis caro que atendelas.  Non é o mesmo tratar un caso que unha ducia", engade Turienza.
Ninguén obriga os clientes, que son os que demandan prácticas de risco, a controlar a súa saúde e a do seu contorno
As políticas que se adoptan dende os despachos teñen efectos en historias de vida concretas. Como nos sentiriamos se, estando doentes en Urxencias, nos intentaran disuadir de ser atendidas pola sanidade pública? Isto foi o que lle aconteceu a unha muller transexual, sen tarxeta sanitaria, con VIH e enferma de pneumonía, segundo nos relata unha das ONGs que a atenderon. Na sala de espera insistíanlle en que lle ía resultar máis barata a atención pola privada, que ía ter que pagarlle á sanidade pública máis de 5.000 euros. Ao fin ingresou e foi atendida, mais os problemas non finalizaron aí. Cando saíu, houbo de procurar un lugar onde poder aloxarse mentres remataba de recuperarse. E, pola súa condición de transexual, nin foi aceptada nos centros destinados a homes nin nos de mulleres. Conseguiu eludir o pago da factura que lle remitiron polo ingreso hospitalario declarándose insolvente, mais esa mesma falta de recursos é a que hoxe en día a obriga a seguir prostituíndose na rúa.




"Pasamos as mañás e as tardes acompañando ás mulleres a Urxencias. Hai quen, debido aos prexuízos, nin as atende", sinala Carmen Lago, de Faraxa. E é que, se es inmigrante e, ademais exerces a prostitución, os receos na túa contra dóbranse. Xa non é cuestión do que diga ou non a lei, do que estea escrito sobre o papel. En ocasións o propio persoal dos centros sanitarios, ás veces movido polos preconceptos, outras pola desinformación, pode chegar a ser máis papista que o papa. De modo especial, quen as atende no primeiro momento, quen ten a chave do acceso.
As mulleres que exercen a prostitución figuran en varios dos casos de vulneracións dos dereitos sanitarios que Médicos del Mundo veu recollendo nos últimos meses. A maioría delas contan con tarxeta sanitaria, mais aínda así foilles negada a asistencia ou déuselles unha información errónea. A protagonista dunha destas historias pasou horas en urxencias sen que ninguén lle dixera que facer nin a onde ir tras a rotura dun preservativo no servizo a un cliente a noite anterior, sen que se informara da píldora poscoital ou dos tratamentos profilácticos. Foi grazas a unha chamada á ONG que soubo que debería acudir á unidade de VIH do hospital. A outra muller, tamén tras a rotura dun condón, o médico de atención primaria negóuselle a facer as probas pertinentes. Xa sabes a que te expós..., di que foi a súa respostas tras terlle indicado ela que traballaba en prostitución. A súa negativa obrigouna a pagar un médico privado.
Médicos del Mundo tamén ten compilado varios casos nas que a atención sanitaria pública lles é negada a persoas en exercicio da prostitución con tarxeta sanitaria doutra comunidade
Médicos del Mundo tamén ten compilado varios casos nas que a atención sanitaria pública lles é negada a persoas en exercicio da prostitución con tarxeta sanitaria doutra comunidade. Como aconteceu cunha muller ucraniana á que, no Centro de Orientación Familiar de Vigo, lle indicaron que non lle podían realizar un aborto porque a súa tarxeta sanitaria era de Castela A Mancha e non viguesa. Ou o caso doutra muller, de nacionalidade romanesa e con tarxeta sanitaria de Barcelona, á que se negaron a atender na sanidade pública, malia a que, segundo a ONG, tiña dereito a ser asistida como desprazada.
O problema está non poucas veces na información que se lles transmite á poboación inmigrante, por insuficiente ou por errónea. A Marta, unha moza orixinaria da República Dominicana que traballa dende hai un tempo nun club dunha cidade galega, denegáronlle, tres meses despois de que a solicitara, a tarxeta que estaba a tramitar como persoa sen recursos. Cando iniciou os papeis, ninguén lle informou de que, a partir de setembro do pasado ano, xa non abonda cos datos persoais (empadroamento e declaración de ingresos individuais) senón que é preciso entregar os datos das persoas coas que se convive (certificado de convivencia e a declaración de ingresos da unidade familiar).
Para Bea que chegou en 2008 a España coa esperanza, hoxe en día frustrada, de vivir nunha sociedade con menos prexuízos para coas persoas transexuais, existe un claro e interesado problema de información
Para Bea que chegou en 2008 a España coa esperanza, hoxe en día frustrada, de vivir nunha sociedade con menos prexuízos para coas persoas transexuais, existe un claro e interesado problema de información. Ela exerce a prostitución nunha localidade galega e, malia a que non ten papeis, dispón de asistencia sanitaria polo convenio bilateral existente entre o estado español e o brasileiro para tal fin: "O goberno informa do que quere. Pon os problemas nos inmigrantes cando a verdade é que moitos países latinoamericanos teñen convenios bilaterais con España".
Das políticas que quebran dereitos aos prexuízos de quen os fai efectivos no día a día, a desatención ás persoas que se prostitúen é unha fenda que se agranda cada vez máis, un problema non só para elas, senón tamén de medicina preventiva e de saúde pública.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.